GZ KMKZ

kamikazes

Había realmente moito tempo, xa mesmo na última fase do blogue no outro enderezo, que non falaba do tema da lingua, ese que se converteu nunha loita aberta no último ano e pico e que tantas paixóns e enigmas irresolúbeis acumulou dende entón. Non foi por desleixo, a miña perspectiva é que todo problema lingüístico é un problema sociolingüístico e que como tal atopará unha solución fundamentalmente política na que hai que seguir traballando.  Por unha banda da política cotiá que representa a coherencia e a fidelidade social á lingua, por outra a da política partidista que é a que bota os gobernos abaixo e que como moito demorará algo menos de tres anos en poñer as cousas no seu lugar. E hoxe por hoxe preocúpame moito máis a primeira que a segunda, e non só pola sangría que representa o 26.945, e que posta en perspectiva e por faixas de idade é aínda peor do que parece. Preocúpame tamén a eterna falta de definición que seguimos aplicando neste tema.

Falando cun amigo o outro día acabamos concluíndo que a loita da lingua pola súa supervivencia sempre foi unha pugna por superar o seu espazo simbólico e materializarse nunha realidade concreta. Dende os tempos do Rexurdimento, no que a lingua era a lingua da poesía para un grupo de intelectuais incapaces de empregala en calquera outro contexto, até a lexislación lingüística do fraguismo, que non molestou a ninguén até que foi reformulada polo bipartito coa radical innovación de facela, por vez primeira, esixíbel. Asusta que neste momento, no peor ataque dende o franquismo, e no que deberamos demostrar a maior firmeza, aparezan os sociolingüistas arrepentidos e as reformulacións sobre o fondo da cuestión.  Asusta que un novo intento de materialización nos devolva ás esixencias de antano nas que debemos contentarnos cun uso simbólico ou cun valor metafísico. Levamos séculos tratando de conseguir un respaldo legal obxectivo para unha lingua da que a súa simple supervivencia merecería un monumento á constancia do pobo, e sinceramente, non creo que sexa este momento de retroceso nos nosos dereitos o máis axeitado para desincharnos e recuperar os nosos peores tópicos.

A nosa lingua serve para tantas cousas como calquera outra, non a vamos relegar aos ámbitos familiar e laboral porque apostamos pola súa hexemonía social, e hoxe por hoxe é a única “lingua propia” deste país, tanto dende unha perspectiva histórica como dende unha perspectiva estritamente legal. Non permitiremos que isto mude e non daremos un paso atrás, ao contrario, son moitos os pasos adiante e o terreo que nos queda por percorrer. Claro que vai haber xente descontenta, grupos inflados polos medios de comunicación, presións sociais, xente de fóra e cipaios entre os nosos muros. Iso é facer política, non se pode contentar a todo o mundo sen descontentalos a todos e non hai solución completa e perfectamente equitativa. Vai haber oposición, e andado o camiño político deste país non vai ser a peor á que nos teremos que enfrontar.

O problema señores, non vai ser o número de linguas que a nosa sociedade vai falar. Os tempos marcan que será máis de unha, e iso é unha riqueza á que non pensamos renunciar. O problema é cal delas vai ser a socialmente predominante e aí, calquera aposta por outra que non sexa a nosa segue sendo un suicidio colectivo. Un suicidio lingüístico e cultural. Claro que Catalunya ten outra relación coa lingua. O catalán, tendo menos falantes porcentuais que o galego, ten un respaldo legal co que nós nunca nos atrevemos a soñar.  Ou si, atrevémonos e corremos de novo cara a atrás cando catro voces tusiron a súa desaprobación. Cando teñamos esa lexislación  e o futuro asegurado veremos se serven tamén as súas outras solucións. E sinto ser tan positivista ás veces, pero mentres non teñamos esa lexislación, mentres teñamos que aguantar este atentado diario contra a nosa lingua e mentres se siga vulnerando a escasa normativa internacional que garante o noso dereito á existencia, hai cousas que sinxelamente non se negocian.

Haberá quen diga que levamos a lingua ás barricadas. Ben, haberá que repetir que non fomos nós os que a puxemos alí. E en calquera caso sempre preferín os milicianos que caían defendendo o seu posto que os rapazotes que estoupaban os seus avións contra o inimigo sen conseguir detelo. E iso tamén é unha cuestión ideolóxica.

Esta entrada foi publicada en Activismo e resistencia, Galiza, Lingua e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.