As linguas que resucitan

O proceso de denacionalización total ou parcial dos pobos, que era a tarefa principal do Arquivo de Estado, consumábase segundo a vella doutrina secreta do “Cra-Cra” e transcorría a través de cinco fases esenciais: a primeira, a eliminación material da rebelión; a segunda, a eliminación da idea da rebelión; a terceira, a erradicación da cultura, a arte e os costumes; a cuarta, a extinción ou mutilación da lingua e a quinta, a extinción ou debilitamento da memoria nacional.(…)

Nun pesado andel de bronce estaban os expedientes das linguas mortas. Eran grosos, pero a maioría das súas follas estaban borradas co maior coidado. As palabras do dicionario, as regras gramaticais e de sintaxe eran borradas de forma progresiva, segundo o seu grao de decaemento ou desaparición. Ao final borrábanse as letras do alfabeto, o último vestixio da lingua escrita, tras o que se certificaba a súa morte completa. Inmediatamente despois comezaba o outro proceso, aínda máis longo e dificultoso, a eliminación da lingua oral (…).

Toda esta experiencia secular atopábase no expedientes do Arquivo. Alí estaba todo, os prazos, os imprevistos, as últimas mostras de teimosía, nunha palabra, todo, a excepción da propia lingua erradicada. Nos milleiros de páxinas dos expedientes non se atopaba nin unha pegada, nin unha palabra, nin sequera unha sílaba. A supresión absoluta de todos os datos sobre a lingua morta levábase a cabo co obxectivo de excluír toda posibilidade de que aquela retornara. (…)

…os seus seguidores acharan nas vellas crónicas o caso de resurrección dunha lingua, á que os cronistas chamaran con terror “Lingua-Cristo”. Ignórase como puido acontecer, escribían, que unha lingua morta había longo tempo volvese aparecer sobre a face da terra. Perseguiron ás persoas nas que a atoparan, capturáronas por fin mentres fuxían a través dos pantanos, cargáronas de cadeas, cortáronas en anacos, pero estas non quixeron ou non estiveron en condición de contar como a atoparan a ela, a proscrita.

 
 

Pequenas mostras da novela O nicho da vergoña do escritor albanés Isamaíl Kadaré. Describen o sometemento dos territorios conquistados polo Imperio Otomano e tamén moitas outras cousas.

Esta entrada foi publicada en Activismo e resistencia, Epigramas, Galiza, Lingua, Literatura e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

3 respostas a As linguas que resucitan

  1. As linguas son moi malas de matar. A nosa é coma os heroes das pelis de John Woo, con vinte mil balas no corpo, pero de pé. E viva.
    Son de fogueo, non resucitaremos porque non morreremos.
    Xenial o extracto, grazas por compartilo.
    Unha aperta.

  2. Mario di:

    Pois isto non é nada, señor Tichborne, cando lin o libro de Kadaré fun apuntando citas que máis ou menos acaesen ao contexto dun país oprimido por unha grande potencia. Recopilei unhas catro páxinas, e nalgunhas delas é moi difícil pensa que o vello albanés non estivese pensando no noso pequeno país. Seguramente aparecerán por aquí algún día. E é certo, é moi difícil matar unha lingua, falaremos diso na próxima entrada. Obrigado por comentares.

  3. Pingback: Os medios que resucitan | O porto dos escravos

Os comentarios están pechados.