Ellis Island

Sospeito que Eduardo pensou en min para presentar este libro chamado inconscientemente polo lugar ficticio dende o que escribo o meu blogue. A Illa de Gorée, tamén chamada illa ou porto dos escravos, tiña un papel simbólico importante no meu primeiro libro de poesía, un libro que sei que lle é moi querido, por razóns literarias e extraliterarias.

Ao mesmo tempo o lugar real, a verdadeira illa de Gorée é unha variante simétrica, no outro punto do Atlántico desta illa de Ellis. Ambas protagonizaron, en distintas épocas e de distintas formas, o tráfico de persoas entre os vellos e os novos mundos. No caso de Gorée, foi o que os teóricos chamarían moitos anos despois “migración forzosa”, no caso da illa de Ellis, a migración era forzada dun xeito máis indirecto. Quero insistir no de forzada, porque non creo que existise nunca unha migración voluntaria, voluntarias son as viaxes, as primeiras clases, os cruceiros turísticos, os paseos… Por iso as clases altas nunca pasaron pola illa de Ellis. A migración, aínda no caso no que se nos disfrace como unha procura da terra das oportunidades ou do soño americano, sempre é unha versión máis ou menos lixeira do tráfico de escravos.

O control xa non se estabelece no punto de partida, pero segue a existir unha modulación e selección da entrada de persoas, unha clasificación da man de obra, unha criba de persoas coas que encher un país que quere formarse dun determinado xeito e para iso non quere enfermos, miserábeis, nin axitadores políticos que poidan turbar o seu soño de felicidade.

Dise que a illa, ambas illas en realidade, representan un exemplo dos non-lugares, é dicir, espazos sen entidade que se caracterizan polo simple paso de persoas. Este invento dos non-lugares foi moi frutífero en determinadas expansións ou narrativas da posmodernidade, pero para min ten unha importancia vital na historia das narrativas subalternas. Dalgunha forma porque, como acabo de explicar, son as persoas subalternas, as que non viaxan en primeira, as obrigadas a transitalos. Penso que na xestación deste libro pesa moito o feito de estar pensado para un guión televisivo, unha das escasas formas nas que un discurso subalterno como o da poesía pode chegar a un grande público.

Da mesma forma, creo que late nel a presión da subalternidade do propio Perec, francés descendente de xudeus polacos, que viu a súa nai morrer no Holocausto e ao seu pai nas filas do exército francés durante a Segunda Guerra Mundial, feitos que parecen pesar moito na empatía deste discurso e na sensibilidade que demostra. El mesmo recoñece que os xudeus son epecialmente sensíbeis ao lugar aínda que este pertence a todos os expulsados dos seus fogares, a todos eses migrantes á forza que sumaron ás súas penas o tránsito pola illa. Se cadra só unha persoa descendente de minorías e de migrantes, e familiarizada por tanto cos seus discursos, podería crear un libro inclasificábel coma este, inclasificábel, aínda dentro da particular orixinalidade da súa obra.

Creo, da mesma forma, que este libro non chega a nós por casualidade. Comezaba falando das simetrías que a Illa de Ellis e a de Gorée teñen no relato das migracións humanas. Dun xeito semellante, gústame pensar en Eduardo Estévez como unha simetría de min mesmo e de moitas outras persoas deste país. Eu, como moita outra xente, son descendente de emigrantes que decidiron retornar, Eduardo é un descendente de emigrantes que decidiu retornar. Da miña familia, que nalgún momento dos anos setenta deixou un porvir brillante no outro lado do Atlántico, aprendín que se migra pola forza pero que se volve sempre por amor. Amor, ás persoas pero tamén amor á terra, aos proxectos políticos, á dignidade ou pode que ás mesmas narrativas subalternas das que falabamos antes. Tamén que ás veces volvemos a lugares onde non estivemos, e que case sempre eses lugares son o rostro demudado do propio país.

Penso que este libro naceu nun contexto que nos é particularmente alleo: escrito por un xudeu francés, fala das migracións feitas a norteamerica das que o noso pobo se mantivo especialmente afastado. Non aparecen Coruña e Vigo ao lado de Rotterdam, Palermo ou Hamburgo. Os galegos que chegaron á illa de Ellis non o fixeron en número suficiente como para ser mencionados. E porén, cando Perec escribe estes versos debe supoñer que chegarán, aínda que sexa con atraso, á lingua e as mans da segunda diáspora da humanidade, que é a nosa. A chegada deste libro non é unha chegada: é un regreso, vén con historias nosas contadas por outras bocas, con sensacións que nos son máis que coñecidas; e como todos os regresos faise por amor, un amor que debemos á sensibilidade (migrante e subalterna) do seu tradutor.

Texto feito para a presentación, o sete de xuño de 2012, do libro Ellis Island, de Georges Perec en tradución de Eduardo Estévez.

Esta entrada foi publicada en Crítica, Edición, Galiza, Literatura e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Ellis Island

  1. Pingback: o texto de mario regueira | eduardo estévez

Os comentarios están pechados.