Falemos galego

Xa o dicían os míticos da Roda en época tan temperá como o 1979: falemos galego na rúa e na escola. O que ninguén sospeitaba é que, máis de trinta anos despois, os lemas inxenuos do principio da chamada transición política volverían coa súa candidez, obrigados por circunstancias atroces. Non sei se fun o único que se decatou do punto surrealista que tiña a mobilización de onte, comezando polo lema. Queremos galego na escola é unha proclama do final da ditadura, non de 2013. E seguramente sexa ese un detalle que, no fragor das batallas, está pasando desapercibido: a forma na que estamos obrigados a rebaixar o horizonte de expectativas da nosa lingua. Se hai anos alguén me preguntase en que manifestacións relacionadas co galego me vería no 2013, seguramente respondería que en ningunha, ou en todo caso, nas que atinxían a problemáticas concretas: o galego na universidade, o galego na ciencia, o galego como lingua internacional… En ningún caso agardaría ter que seguir loitando por algo polo que xa loitaran as xeracións precedentes. O camiño que quedaba por andar era lento e frustrante, pero de ningunha forma parecía que puidese incluír un retroceso tan brutal como o que sofreu o estatus da nosa lingua nestes anos.

A pesar de que a escalada lexislativa castelanizadora non é só contra a lingua galega, e responde ás mesmas concepcións caducas e imperialistas do Estado español que o levarán cara á súa última debacle, é certo que o caso da nosa terra segue a ser particular. Nunha realidade enrocada na esencialidade do poder político, a forma de medir a importancia da nosa cultura pasou e pasa polo cálculo de deputados galeguistas nas distintas esferas de poder. E non cabe dúbida que é unha cuestión importante, pero moi habitualmente esquecemos que cada unha das nacións históricas do Estado español ten a súa propia circunstancia e que, de todas elas, a máis disímil é precisamente a nosa. Nin vascos nin cataláns mantiveron as súas linguas coa mesma saúde que a nosa, que aínda hoxe pode dicir de si mesma que é a lingua cooficial con máis falantes porcentuais no seu territorio e a única que supera nese aspecto ao castelán. Os nosos veciños tamén non desenvolveron as súas ideoloxías políticas dándolle ás respectivas linguas a centralidade que a galega ten no pensamento galeguista. Aquel “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma” de Castelao tiña moito de fundacional e aínda hoxe funciona como único baremo da galeguidade para moitas capas da poboación. En parte, esa saúde, cimentada sen dúbida en causas conxunturais como o afastamento e abandono por parte do poder central, que favoreceu unha ruralización persistente da nosa terra, serviu ironicamente como un freo a determinadas posicións políticas. É moi difícil convencer unha sociedade de que a lingua que fala o 90% dos seus membros está en perigo de morte. A diferenza entre bilingüismo e diglosia, problema ao que xa se enfrontaran os primeiros galeguistas, ten, queiramos ou non, unha dimensión sutil da que aínda hoxe é allea a maior parte da poboación. A súa simplificación e a negación do conflito lingüístico segue a ser algo tristemente presente nos discursos antigalegos, da mesma forma que o foi durante a longa noite do fraguismo.

Porén, se o galego vai ser a lingua máis difícil de marxinalizar na uniformización que pretende a dereita española, si que é certo que a súa posición de avantaxe obxectiva foi algo que non soubemos xestionar nestes últimos trinta anos. A caída libre na que se atopa fai aínda máis doloroso ter que volver a proclamas dos anos setenta, as mesmas que saían nas portadas dos discos da Roda. Porén, tamén é agora, nunha situación crítica, cando máis precisa a nosa lingua do noso compromiso. Un compromiso individual, diario, que non renuncie a ningunha das batallas cotiás. E tamén un compromiso colectivo, aínda que só sexa para que dentro de trinta anos, alguén lea nas crónicas xornalísticas que unha enorme representación da sociedade galega se rebelou nos violentos anos dez contra a perda da súa identidade.

Esta entrada foi publicada en Activismo e resistencia, Galiza, Lingua e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Falemos galego

  1. Pingback: Falemos galego, 2013

Os comentarios están pechados.