Cafés, finais e poemas

Penso que a primeira vez que vin pedir un café con xeo foi na zona vella de Compostela. Eu tería uns dez anos e o verán rompía todas as estatísticas chegando moitos días á barreira máxica dos corenta graos. Eu non o sabía, pero estaba a vivir un record histórico de temperaturas, por máis que pensase que era o normal nunha cidade que, a quen se lle ocorrería, estaba construída tan lonxe da costa. Nunha desas tardes abafantes, alguén pediu unha beberaxe estraña, tan estraña que en principio pensei que fora unha ocorrencia momentánea e extravagante á que un educado camareiro correspondera sen facer preguntas. Aínda pasaron anos antes de decatarme de que era unha bebida frecuente, e non só nas ingratas cidades do interior.

Dende entón teño asociado o café con xeo á cidade, ou por mellor dicir, ao verán na cidade. Onte caeu o segundo do ano, sinal de que axiña caerán tamén as prendas de manga longa e os abrigos partisanos de inverno, mentres as terrazas deixan de ser cousa de valentes e se espallan paseniñamente polas rúas. E onte, co segundo café xeado da tempada, e no medio dalgúns outros, chegou tamén ás miñas maos o libro Fin de poema, de Juan Tallón, ao que hai pouco lle foi entregado o premio Lueiro Rey de novela curta. Chegou a edición de Sotelo Blanco, claro, a primeira vez que o libro pasou polos meus ollos foi na forma dunhas fotocopias mal encadernadas que porén me mantiveron atrapado durante bastante tempo. Tanto, que podo dicir que ter nas mans o resultado editorial foi case como reencontrar un vello coñecido pola rúa, cousa que pasa tanto dende as terrazas da cidade.

A miña experiencia como xurado de certames non é longa, pero dá xa para sacar algunhas conclusións e o intercambio de opinións con persoas que pasaron polo mesmo sempre deixa comentarios divertidos. Hai quen di que os premios traen sempre consigo un castigo que é, por regra xeral, obrigar a pasar polo xurado da seguinte edición. Eu, en liñas xerais, non lle chamaría exactamente castigo, pero moi a miúdo quedo coa idea dunha enorme frustración. En primeiro lugar porque normalmente só se pode dar un premio, e despois porque á esa solución sempre se chega a través do consenso, que sempre (tamén en política) é conservador. Lembro un caso no que competín a un premio con dúas obras que chegaron a ser finalistas. O consenso premiou á máis antiga no tempo e que para min tamén era a menos arriscada e rompedora. A outra convenceu algunhas persoas do xurado, que fixeron unha defensa apaixonada que porén acabou estrelada contra a inapelábel maioría numérica. Desconfíen sempre dos sistemas nos que as minorías sempre perden. Tamén en política.

A pesar diso, a experiencia de xurado do Lueiro Rey é a primeira que me deixa realmente convencido, tamén porque, a pesar do bo nivel doutras obras presentadas, a escolla de Fin de poema foi a primeira na que asistín a un xurado unánime, no que non houbo lugar a cesións ou acordos complexos e no que ninguén saíu insatisfeito. E aínda que o abraio unánime de cinco persoas teña tamén a súa parte circunstancial, non deixa de ser, cando menos, unha coincidencia relevante e case máxica. A aposta de Juan Tallón é engaioladora e orixinal, e estou seguro de que é unha pequena xoia que non deixará indiferente a ninguén. A historia de catro poetas suicidas (Pavese, Anne Sexton, Gabriel Ferrater e Pizarnik) flúe palpando as costuras entre a ficción e a realidade, mentres escarva nas casualidades, as liñas invisíbeis que unen as nosas vidas sen nós sabelo e que caen como versos entrecruzados dalgún xogo poético.

Aínda sorrío pensando nalgunhas das súas escenas, e aínda me volven moitas das sensacións que me deixou á cabeza, tanto que se cadra contraveña unha norma persoal e lle bote unha segunda lectura este verán. A fin de contas, é unha das mellores lecturas para ter a man no tempo de terrazas e cafés xeados que se aproxima. Fáganme caso, non se han de arrepentir.

Esta entrada foi publicada en Cotidiano, Edición, Lectura, Literatura e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Cafés, finais e poemas

  1. Teresa di:

    Ola Mario:
    Escríboche como responsable do club de lectura da asociación A pomba do arco, en Foz. Todos os meses lemos un libro en galego e para o mes de xuño toca O outono aquí. Preguntámonos se sería posible organizar un encontro contigo para podermos comentar a obra e coñecer o teu punto de vista como autor, crítico literario e, como veño de ler, membro dun xurado. Parécenos moi interesante poder analizar unha obra desde unha perspectiva diferente.
    Un saúdo,
    Teresa

  2. Pingback: Comentario sobre “Fin de poema” de Juan Tallón en el blog “O porto dos escravos” | Agencia Literaria Barcelona - Letras Propias

Os comentarios están pechados.