Espiral

A situación de crise permanente na que vive a literatura galega fai que a nova volva de cando en cando aos ruxerruxes do mundo da cultura. É por iso que case non nos alarmabamos ao escoitar que Espiral Maior ía pechar, porque o rumor fora difundido moitas veces antes e nunca fora certo. Salvo, se cadra, esta última vez, cando a noción da crise económica, aliada con outras cuestións conxunturais a afectar o tecido editorial galego, fixo que o eterno comentario fose tomado cunha certa precaución.

Pero unha vez máis non foi certo. Tocada, pero nunca vencida, a que é a principal referencia da edición de poesía na nosa lingua, esa casa pola que temos pasado unha grande parte das poetas galegas, seguirá aberta para que entren novas voces.

Non cabe dúbida de que o papel preponderante que Espiral Maior tomou nalgúns momentos da súa historia xogou na súa contra, até o punto de que parecese que moitos dos proxectos editoriais que aparecían estaban feitos na súa contra. Moitas desas críticas foron acertadas e serviron para poñer en marcha editoras con outros principios e outro funcionamento, a fin de contas, non hai unha soa forma de facer cultura ou de publicar poesía, e é un síntoma de madurez que aparezan outras alternativas. Outras críticas, porén, parecían máis ben froito desa xenreira minifundista que tan ben practicamos por estes lares. Sexa como sexa, creo que pouca xente da nosa cultura deixará de alegrarse de que Espiral Maior continúe a súa andaina.

No meu caso a alegría e moi particular, sobre todo á vista de dous dos últimos libros publicados. Por unha banda, Ata o corazón da mazá, de Marisol Gándara, flamante gañadora do Premio Xosemaría Pérez Parallé, un certame ao que, como teño dito noutras ocasións, acabei ligado moito máis que polo simple feito de ser unha das persoas gañadoras e que continúa a ser unha canteira da poesía galega, dando a luz a propostas distintas e frescas, capaces de demostrar que a saúde da nosa literatura non se deixará resentir polo paso do tempo. O libro de Marisol Gándara é sen dúbida unha delas,

O outro, Teatro, de Roi Vidal, un libro debut para alguén que non é exactamente un debutante e co que teño compartido moi bos momentos e unhas cantas inquietudes literarias. Tendo pontes familiares que, nun país cada vez máis aristocrático, seguramente poderían atallarlle o traballo, Roi Vidal quixo sempre chegar a publicar polos seus propios medios, e non foi ata gañar o Premio de Poesía do Concello de Carral que ve a luz este primeiro libro. Unha década despois de moitas cousas, pero tamén coa madurez que dan os anos e moitas horas en dous tipos distintos de escenarios.

Como saben, as editoras non continúan só polo seu propio desexo de facelo, así que non esquezan apoiar, difundir e, sobre todo, ler, esta nova xeira de Espiral.

Esta entrada foi publicada en Edición, Literatura e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.