Luzes ou Tropicália 2

A comezos dos anos 90, un entrevistador preguntaba a unha estrela da música brasileira polas figuras emerxentes que vía dentro do seu contexto, valorando sobre todo a súa capacidade de innovación e experimentación. A resposta, desconcertante, foi que as dúas persoas que estaban a revolucionar a música popular tiñan máis de cincuenta anos. Caetano Veloso e Gilberto Gil viñan de sacar Tropicália 2, un disco no que rendían homenaxe aos 25 anos do tropicalismo, o movemento que abalara o Brasil durante a súa primeira mocidade e que mesturaba a contestación social en tempos de ditaduras coa vocación máis vangardista imaxinábel. Tropicália 2 non foi o típico disco feito para aproveitar o tirón dun estilo que xa quedaba lonxe aos seus autores, senón unha obra nova, creada cos mesmos principios de investigación e descuberta e cunha frescura similar ao que lucían no cuarto de década anterior.

Lembrei o disco e anécdota ao saber que Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro viñan de relanzar a mítica revista Luzes, ese proxecto do que imos sabendo cada vez máis e que desmente a idea que moitos se fixeran de que estabamos a piques de ver un revival sen graza, un mero exercicio da lembranza. Luzes renace como un compromiso co xornalismo do país e faino no que ao tempo podería ser o seu mellor e o seu peor momento. O mellor porque, como ben se dixo na presentación, nunca tantas voces estiveron dispostas a falar cun compromiso de calidade como o que hoxe hai. O peor, polas causas que son de todos coñecidas: a crise estrutural da prensa escrita sumada á carnicería política contra os medios que se expresan na lingua do país. Nese vértice que forman a precariedade e a independencia, as dúas caras da moeda que se bota estes días ao aire, é que se atopan os novos proxectos. E no fondo, como as outras iniciativas que saíron á pelexar pola superviviencia nos últimos anos, Luzes depende do encontro cun lectorado que moitos presentimos inquedo e famento de xornalismo e que será, ao fin, o que faga que esta andaina brille ou sobreveñan de novo as sombras. Vivimos no tempo das responsabilidades: fracasado o proxecto político autonómico que tería que valer a nosa cultura, dependemos da nosa consciencia durante o tempo que nos leve erguer unha alternativa cada vez máis próxima. Nunha vella viñeta (creo que de Xaquín Marín), un home debruzado sobre un mapa da Galiza escurecido exclamaba abraiado: Parece mentira, aínda hai Luzes! Parece mentira, si, pero desas Luzes ha de vir unha parte do futuro.

Sen dúbida hai moito que analizar na forma na que os procesos se inician ou se desenvolven. Hoxe, porén, queremos ver en Rivas e Pereiro os nosos Caetano e Gil. Todos sabemos que nun país soberano a algún dos dous lle ofrecerían un ministerio de cultura e o outro sería unha referencia xigantesca no seu medio profesional. A súa experiencia de anos combínase cunha vontade de pescuda irrenunciábel que os fai parecer sempre moito máis novos e que sen dúbida pesou tamén á hora de rodearse dalgunhas das plumas máis relevantes do xornalismo cultural contemporáneo. Como dicía a canción dos outros: Quero ser velho de novo eterno, quero ser novo de novo. É algo que levamos na nosa cadea xenética, sempre gostaremos deses proxectos feitos de costas ás grandes compañías e de cara ao pobo, se cadra porque coñecen os segredos das eternas mocidades.

Esta entrada foi publicada en Cotidiano, Medios de comunicación, Música e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Luzes ou Tropicália 2

  1. xabre di:

    Fermoso proxecto e fermosa anotación.

Os comentarios están pechados.