A cidade dos xitanos

Non sei en que medida os efectivos da Guardia Civil que requisaron pancartas onte na homenaxe a García Lorca eran conscientes da ironía. Se cadra hai elementos que sempre se relacionarán igual e que ficarán vinculados por riba dos anos que pasen ou das outras estruturas que os conteñen. No “Romance da Guardia Civil“, o corpo armado foi inmortalizado para a historia da literatura española no seu asalto á cidade dos xitanos. Da mesma forma que se ten comentado outras veces neste blogue, o xitano en Lorca non representa só o pobo rhom, senón que (como despois os negros de Poeta en Nueva York) é tamén a imaxe de todo oprimido, o símbolo, entre outras cousas, desa cultura popular que trata de erguer unha sociedade nova no medio dunha España a debaterse entre o escurantismo e o progreso. O “Romance da Guardia Civil” é, baixo esa lectura, case un poema premonitorio, unha premonición que non cremos que veña das calidades videntes que se asocian á poesía, senón máis ben dunha análise máis ou menos inconsciente da realidade social que o poeta estaba a vivir.

Dun lado, a Guardia Civil, un corpo escuro, mecánico e deshumanizado, sen dúbida o mesmo que causaba o terror nas poboacións rurais entre Galiza e Andalucía, o mesmo, que salvo honrosas excepcións, acabou participando no golpe do 36 do lado da reacción; do outro a diversidade que representa a cidade dos xitanos, chea de cores e luces, nunha festa permanente que está a piques de ser interrompida. A forma de presentar o conflito fala dunha represión que, en contra do agardado, non se conformará cun golpe político e estenderá a súa acción a unha auténtica razzia disposta a destruír as alternativas que foran medrando na sociedade ibérica. Existe xa a consciencia de que o que realmente provocará a reacción fascista, o que molesta ao vello conservadurismo, non é o feito de non ter o poder, senón a transformación social e, sobre todo, a aparición dun novo discurso sobre a realidade que ataca directamente a liña de flotación da caduca idea dunha España imperial e católica.

O asasinato de Lorca é considerado, mesmo internacionalmente, un dos feitos determinantes da Guerra, unha icona á altura doutras traxedias como o bombardeo de Gernika. E dalgunha forma é lóxico: non só simboliza a rabia dos alzados contra a intelectualidade e a vida cultural, senón que tamén atinxe a varias das comunidades sociais que estaban a espreguizarse, a perder o medo e se cadra a piques de protagonizar iniciativas destinadas a mudar a sociedade. Con Lorca asasinan un representante da intelectualidade de esquerdas, pero tamén un membro recoñecido da comunidade homosexual e unha persoa cunha grande sensibilidade cara a diversidade cultural do Estado español. O Lorca que se recoñece nos Romances galegos de Blanco Amor até o punto de querer escribir tamén en galego, o que comeza a entender que a historia do pobo andaluz foi terribelmente deturpada pola historiografía oficial, será asasinado xusto despois de que os fascistas fixeran o mesmo con Blas Infante e Alexandre Bóveda.

Dalgunha forma, o enfrontamento entre a Guardia Civil e os xitanos de Lorca aínda non rematou. Puidémolo ver onte, cando unha parte da sociedade andaluza se revirou contra o feito de querer presentar a súa morte como unha morte máis no medio dun dramático conflito. A tentativa de despolitizar a Guerra Civil, de convertela nunha especie de accidente do que ninguén foi responsábel, é se cadra o final dese proceso que comezou na Transición e que permite que hoxe os cachorros da dereita española paseen os seus nostálxicos pendóns sen repercusións mentres os seus asasinados seguen a ver impugnada a súa verdadeira memoria. Unha memoria que fala dunha sociedade en construción cara á liberdade e a diversidade. Unha memoria que nos convida, permanentemente, a reconquistar a cidade dos xitanos.

Esta entrada foi publicada en Activismo e resistencia, Literatura e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a A cidade dos xitanos

  1. Via o outro dia unha serie de tv, moi comercial e moi previsible mais que serve para pasar o tempo na que se dicía algo así como ” A historia é un río circular no que a morte dun home marca o nacemento do seguinte.”

Os comentarios están pechados.