I’r Gad

Que significa algo así como “Ás armas” ou “Ao combate” e que ten a sinxeleza dos gritos de guerra. Tamén dá título a un dos libros que trouxen de aló e que fai un repaso fotográfico dos cincuenta anos do movemento pola lingua galesa e doutros eventos políticos importantes. O Bin croeso (“non es benvido”) que acompañou a manifestación contra a investidura de Carlos de Inglaterra, por exemplo, (entre vivas a Llywelyn, o último soberano galés do territorio), e que sorprende polo seu carácter multitudinario, evidentemente silenciado polas historias oficiais. Porén, a pesar de que eses procesos políticos teñan a súa representación, non cabe dúbida que a loita polos dereitos lingüísticos foi a grande vertebradora doutro tipo de reclamacións e fixo posíbel abrir o camiño a un poder territorial absolutamente ausente nas relacións con Inglaterra. Se pensamos que Gales non tivo Parlamento propio até o ano 1999, e que tradicionalmente foi unha rexión sometida ao centralismo londiniense, farémonos unha idea do cero case absoluto que representou o punto de partida.

E non é o único que sorprende, para as persoas que tiñamos Gales como un territorio tranquilo e submiso chama a atención a fereza que, dende o primeiro minuto, tiveron as loitas polo galés. Polas fermosas fotografías de I’r Gad aparecen grandes concentracións pacíficas de xente, pero tamén xente nova opoñendo os seus corpos ao paso de vehículos, arrincando e rompendo indicadores de estrada en inglés e sendo arrastrados polas forzas da orde. O movemento, que naquela altura mesturaba, xunto coas reclamacións lingüísticas máis básicas, conceptos relacionados cun estilo de vida que sentía ameazado, nutriuse ideoloxicamente das reivindicacións polos dereitos civís que comezaban a exercer as minorías en contextos como o estadounidense. E ese sentimento de rotunda lexitimidade xogou, sen dúbida, un importante papel e axudou a convertelo nun movemento de masas.

Aínda que lonxe das aspiracións maximalistas que ten toda reclamación, a loita pola lingua galesa pode considerarse triunfante, polo menos en relación aos puntos de partida que mobilizaron á poboación a comezos dos anos sesenta. Ningunha institución pública ou privada parece disputar hoxe o dereito do galés a aparecer representada no seu propio territorio, dende os indicadores de estrada até as baldas dos supermercados teñen as súas correspondentes formas na lingua propia, e até os símbolos nacionais gozan dunha presenza que teño visto en moi poucos lugares (si, tamén nos supermercados é frecuente ver a bandeira). Aínda así, na segunda década do século XXI, o emprego do galés continua decrecendo e segue a ser bastante doado desenvolver unha vida unicamente en inglés en calquera lugar de Gales, sen máis obriga de aprendelo que a simpatía ou a consciencia da que falabamos no post anterior. Como me comentou algunha persoa estes días: “necesitamos un compromiso coa lingua que non se limite a facernos baixar o rato”, en referencia aos frecuentes correos bilingües que precisan só de ir un pouco máis abaixo para atopar a versión en inglés.

Unha vez máis comprobamos que o horizonte dun perfecto equilibrio bilingüe (bífido ou restitutivo) resulta insuficiente para contextos con dúas linguas en convivencia tan desigual. O milagre da supervivencia do galés podería ter os días contados, e aínda que eu volvo cos ollos cheos da actitude Caernarfon, non podemos perder de vista que, ademais de na simpatía e do apelo á consciencia, as linguas sobreviven tamén apoiadas en elementos como a esixencia e os marcos legais. E tamén, e nisto é posíbel que reparase moi poucas veces, na existencia de contidos exclusivos que animen as persoas a achegarse a eles. Eu, de momento, teño longos textos no medio de fotografías de multitudes afoutas tirándome das ansias.

Esta entrada foi publicada en Activismo e resistencia, Gales, Lingua e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

3 respostas a I’r Gad

  1. séchu sende di:

    Gostei muito disto, desde a minha experiência compo papá: “ademais de na simpatía e do apelo á consciencia, as linguas sobreviven tamén apoiadas en elementos como a esixencia e os marcos legais. E tamén, e nisto é posíbel que reparase moi poucas veces, na existencia de contidos exclusivos que animen as persoas a achegarse a eles”
    obrigado polo artigo, compa.

  2. Mario di:

    Obrigado, Séchu, por ler e também por revitalizar esse velho costume perdido que é comentar nos blogues. 😉

  3. Pingback: Cymru_I’r Gad (ás armas)

Os comentarios están pechados.