Levando libros á fronteira

Estiven tentado de traducir a páxina que preparara para a presentación en Bilbao, pero en realidade cando eu escribo eses textos é para ter fresca unha perspectiva xeral na miña memoria. Moi poucas veces os leo, e iso provoca intervencións espontáneas e axeitadas ao contexto, pero tamén fai que esqueza cousas. Así que seguramente sexa máis xusto dar unha perspectiva xeral das cousas das que falamos.

Comezabamos explicando por que Bilbao, cando se cadra o público obxectivo para unha tradución ao castelán pasa antes por outros territorios. Nesa escolla, ademais do acollemento que nos brindan as amizades, está tamén a teima por procurar sempre os territorios fronteirizos. Non só Bilbao forma parte dunha cultura que, como a miña, viviu os seus conflitos culturais e identitarios, tamén o lugar concreto da cidade é unha fronteira máis: nalgún punto entre o Nervión e o Bere-bar, o barrio da libraría Anti- é un escenario que eu mesmo escollería para calquera das miñas tramas, un territorio multicultural, onde definirse dentro dunha comunidade é un acto político necesario. A propia libraría, cunha liña centrada nas publicacións artísticas que ampliou hai pouco tamén á narrativa, é tamén, ao seu xeito, un espazo fronteirizo. E é nesas fronteiras onde tamén nos atopamos máis cómodos, aínda que neste caso me gustaría ter tamén unha versión en euskera que presentar, estamos afeitos a empregar esas pontes que representan as traducións e as linguas intermediarias.

Despois, o que digo sempre, para min Outono aquí/ Las hojas muertas é unha novela sobre a familia, sobre a familia e a súa reconfiguración nos nosos tempos, onde podemos aceptar máis facilmente que os lazos que construímos son máis voluntarios que biolóxicos e onde non teñen por que responder a planos prefixados. Porén, máis aló do argumento que pode atoparse na páxina da editorial, creo que o que dá un ton particular ás cousas que escribo son os detalles que van máis alá da trama principal, o contexto que rodea á historia e que remite, na maior parte dos meus libros, á cuestión da identidade, esas mesmas fronteiras das que falabamos no inicio e que non deixan de representar as principais características da miña escrita: a cuestión da identidade, os espazos onde existen conflitos identitarios e que non atinxen só á lingua ou á cuestión nacional. Tamén, neste caso, a transición entre os espazos urbanos e os rurais, a destrución das formas de vida, ou  a cuestión dos desprazados pola emigración.

No final, xa na conversa co público alguén preguntou por Ferrol, o que non deixaba de devolver o tema novamente á mesma cuestión recorrente: as cidades divididas onde a identidade se constrúe, ás veces por unha oposición constante aos tópicos que pretenden constrinxilas. Algúns deses tópicos tratamos de desmontalos á beira do Nervión, moi ben arroupados pola galeguidade local e ben acubillados nesa pequena trincheira que é a Anti-.

Esta entrada foi publicada en Cotidiano, Literatura e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.